Curso non presencial da Universidade de Vigo “Estatística Avanzada con ‘ R’ para Profesionais da Saúde”

Está aberto ata o 25 de outubro a inscrición no Curso de Formación da Universidade de Vigo “Estatística Avanzada con ‘ R’ para Profesionais da Saúde”, totalmente non presencial para que os titulados deste ámbito (ou estudantes universitarios de último curso) poidan seguilo en horario libre e desde calquera lugar de modo compatible coa súa actividade. O curso realizarase desde o 1 de novembro ata o 15 de decembro de 2018. 

O programa estatístico R é totalmente gratuíto e pódese instalar libremente en calquera computador e sistema operativo. Converteuse en poucos anos no programa estatístico de uso xeral máis potente e versátil, con gran diferenza sobre calquera outro programa existente. A comunidade estatística mundial colabora de forma desinteresada co proxecto R (R Project), e miles de investigadores achegan constantemente rutinas e utilidades aplicables a todos os campos, incluído o ámbito da saúde. 

O curso inclúe algunhas das técnicas estatísticas avanzadas máis utilizadas na investigación médica: análise de supervivencia, deseños de investigación, meta-análise, regresión de Cox, regresión de Poisson, regresión ordinal, regresión loxística multinomial, con datos e exemplos paso a paso, alcanzables para usuarios non expertos. Non é necesario ter un nivel elevado de Estatística ou coñecer previamente o programa R, aínda que sen dúbida eses coñecementos poden aumentar o rendemento do alumno. É eminentemente práctico e aplicado, e realizarase de forma virtual mediante secuenciación das unidades didácticas e tarefas a través de Faitic, a plataforma de teledocencia da Universidade de Vigo. 
Este curso está recoñecido con 5,1 créditos como actividade de formación continua para todos os profesionais sanitarios pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia (Sistema Nacional de Saúde). Para os alumnos da Universidade de Vigo equivale a 2 créditos de libre elección. 

Custo da matrícula 125 euros (parados/estudantes 90 euros). Toda a información do curso, así como a realización da preinscrición, está en:

https:// bubela. uvigo.es/curso/3328

2018  SGAPEIO   globbers joomla templates