ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
Recreo Estatístico
Entrevista a Gonzalo Rivero
Como se converte un politólogo en estatístico? Cal foi o factor crucial para que te dirixises á estatística? A túa paixón polas estatísticas ou un sentido máis práctico? Quero dicir, paréceme que as estatísticas eran un traballo con mellor proxección no mercado de traballo hai unha década ...
Debo confesar que despois de levar case 10 anos nos que o meu título profesional é "estatístico" ou "científico de datos" aínda me custa verme como tal. O meu primeiro instinto segue sendo dicir que son un científico social. Se cadra porque a miña formación orixinal é como historiador e politólogo aínda me vexo coma un convidado no eido.
En calquera caso, o meu vencello coa estatística é totalmente accidental. Non foi o resultado dunha decisión que contemplase as vantaxes que agora mesmo ofrece o mercado de traballo a calquera que veña dun campo cuantitativo. De feito, eu orixinalmente quería dedicarme a temas que un adoita asociar coa investigación cualitativa. Se estudiei Historia é porque me interesaban cousas como o desenvolvemento das sociedades complexas no occidente europeo ou a expansión do monaquismo primitivo. Co tempo me foron interesando temas máis contemporáneos pero, en boa medida, eran aínda temas que tiñan unha pátina cualitativa.
O que cambiou a miña perspectiva foi o mudarme a Madrid en 2003 para incorporarme ao programa de doutoramento que por entón organizaba o Centro de Estudios Avanzados en Ciencias Sociais da Fundación Juan March. Marchei ao CEACS sen ter moi claro o que me agardaba. De feito, a maior razón pola que marchei foi porque estaba frustrado coa falta de oportunidades para facer a carreira investigadora en Galicia. Tal e como o vía entón, Madrid desatoaba unha situación na que non quería seguir.
Cheguei a Madrid convencido de que estaría nada máis un ano mentres atopaba algo mellor aliñado cos meus intereses. Sen embargo, atopei un programa e un entorno que me convenceu de quedar. O CEACS era un sitio moi pequeno, con menos de 6 alumnos por ano, moi intensivo, disciplinado e cunha clara vocación de excelencia internacional. Contrastaba moito coa miña experiencia na universidade e, véndoo agora con distancia, era xusto o que precisaba naquel momento. O programa do CEACS me expuxo a un tipo de investigación social que era moi diferente do que eu vira antes: moi cuantitativa, similar por contido e metodoloxía á Economía, e cunha enorme riqueza temática e teórica.
Sobre todo, o que atopei en Madrid foi un contexto no que un tiña a obriga de ser conceptualmente preciso e no que tiña que ser quen de formular as miñas ideas de tal xeito que puidesen ser apoiadas ou rexeitadas polo rexistro empírico. Esa orientación empírica foi transformativa para min. Aí é cando comecei ver a estatística coma un método de razoamento e inferencia sobre a evidencia, coma un xeito de pensar sobre a metodoloxía de investigación. Era unha linguaxe clara que un podía usar para razoar sobre as que afirmacións estaban sustentadas polas observacións. Aínda hoxe, a estatística para min é un xeito de forzar claridade e rigorosidade no debate.
Co tempo, esta orientación cuantitativa resultou ser unha opción que ademais tiña réditos profesionais. Cando rematei o doutoramento en 2013, o feito de que xa levara anos de experiencia traballando con datos facilitou moito atopar un traballo fóra da academia. Aínda non había títulos de ciencia de datos e alguén coma min que viña cunha traxectoria pouco convencional pero que tiña experiencia en investigación cuantitativa e en programación podía presentarse coma un candidato competitivo a traballos técnicos. Foi unha situación moi afortunada. Eu non tiña intención ningunha de marchar da academia cando comecei a traballar máis en serio na estatística. Coincidiu que os meus intereses estaban ben aliñados cun tipo de perfil que gustaba no mercado naqueles anos. Non sei se hoxe en día con tanta competencia coma hai tería resultado tan ben.
Sempre que penso nos meus tempos da universidade non podo deixar de lamentar que non había internet cando tomei os meus estudos. Imaxinas iso? Que supuxo internet para a túa carreira?
Eu aínda lembro ir á biblioteca durante a carreira, consultar o catálogo en fichas, e pedir copias físicas de revistas para ler un artigo que ás veces había que solicitar a outro campus a unha semana vista. Era un mundo moi distinto pero tamén é un mundo do que xa pasaron vinte anos. Así e todo, ese cambio non é nada comparado co efecto que Internet tivo a un nivel máis persoal. É incrible pensar agora no moito que Internet cambiou as cosas para min.
Sempre tiro do mesmo exemplo. Eu quería seguir estudiando cando rematei a carreira. No 2002 aínda non sabía moi ben como facelo pero eu máis ou menos tiña claro que quería tirar por antropoloxía ou arqueoloxía. A maiores diso, se fose posible, eu quería estudiar no estranxeiro simplemente pola experiencia vital que iso supuña. O feito mesmo de estar un ano en Francia ou no Reino Unido me resultaba demasiado atractivo. O problema era que non sabía por onde comezar. Non tiña unha idea clara sobre que opcións existían ou que factores debería considerar para escoller un programa de posgrao. É inmensamente complicado razoar sobre algunhas decisións cando están tan afastadas da túa experiencia.
A maior dificultade, penso, estaba no feito de que a xente ao meu redor quedara a estudiar en Ourense. Algúns marcharan a Compostela pero iso era todo. Non tiña ninguén que marchara ao estranxeiro. Por coñecer, non coñecía nin a xente que marchara a Madrid. Iso facía as cousas máis complicadas do que deberían. Non había ninguén con quen puidese falar sobre se os departamentos que tiña en mente eran bos ou non, se pagaba a pena facer unha mestría ou era mellor ir a un doutoramento, ou que bolsas podía pedir, ou mesmo se todo o plan era unha boa idea ou unha perda de tempo. Penso agora naquel ano e sinto moita mágoa polo perdido que estaba.
Hoxe, toda esa información, mesmo cando está no teu círculo social máis próximo, é máis accesible. Agora podes atopar alguén que pasou por esa experiencia e mandar un correo para falar. Ese tipo de acceso equalizou oportunidades que antes so estaban dispoñibles a xente que viña de familias con máis recursos. Con apenas esforzo, podes contactar con xente che axuda a pensar e avaliar mellor as opcións que tes. Xente que ademais pode servir de referente para entender mellor as implicacións e posibilidades de cada un dos camiños que podes tomar..
Ese acceso social que permite Internet é o que ten marcado máis unha diferencia no meu caso. A alguén coma min, que ven dunha familia traballadora de Ourense na que a miña é a primeira xeración que remata o bacharelato, o que Internet me deu foi unha forma de compensar non ter unha rede social ampla que dea información e consellos. É difícil de sobrevalorar o impacto que esa dimensión de Internet tivo para min.
En España, ao final do milenio, aínda había unha enorme separación entre os campos das matemáticas e a estatística e aquelas outras disciplinas que comezaron a implementalas como ferramentas básicas de análise e modelado. Afortunadamente cambiou moito. En realidade, todo é máis multidisciplinar. Que seguirá despois se queremos acadar unha academia mellor?
Penso que non hai grandes segredos sobre como mellorar a universidade. Poucos son os problemas nos servizos públicos que non se solucionarían poñendo máis recursos. Acho que hai certo mito sobre o feito de que a educación superior en Galicia é de pouca calidade. Sempre hai espazo para mellorar pero, tendo en conta o nivel económico do país, estamos máis ou menos onde deberiamos estar. Non temos a capacidade de xerar un Harvard ou un Oxford pero, sinceramente, tampouco debería ser o obxectivo.
De feito, é case asombroso que sexamos quen de ter unha universidade competitiva da precariedade da carreira investigadora, da falta de incentivos para afondar na docencia ou do enorme peso da xestión na universidade. É difícil argumentar que unha maior dotación económica melloraría aínda máis as cousas pero manteño que, se pensamos na calidade, algunhas facultades, non todas, o fan moi ben condicional aos recursos dispoñibles.
Egoistamente, coma alguén que está fóra, o que me gustaría ver é un mecanismo claro de incorporación que non penalice tan abertamente aos que desenvolvemos a nosa carreira no estranxeiro. En xeral, a endogamia na universidade galega segue a ser un problema. Fíxose moito progreso nos últimos anos pero a situación é aínda moi mellorable. Se cadra é unha das poucas reformas que penso que mellorarían as cousas e que non requiren investir recursos.
Despois de tantos anos en Estados Unidos, si hai unha cousa que me gustaría que se imitase. Unha cousa que apreciei moito cando cheguei é o feito de que os estudantes organizan as súas carreiras con case total liberdade. No canto de estudiar, por exemplo, un grao en Historia no que todas as materias son sobre Historia cunhas poucas clases de libre configuración, un aquí pode facer a combinación que queira cuns requisitos moi básicos para obter unha especialidade. Por exemplo, eu tiña unha alumna na miña clase de métodos de investigación social que estaba a facer o equivalente ao un grao en matemáticas e danza contemporánea. Ás veces as combinacións podían parecer absurdas pero tamén permitían mesturas que son moi difíciles de organizar nun sistema educativo como o galego. Penso en compañeiros do meu doutoramento viñan de estudiar ciencia política e informática e acabaron investigando sobre sistemas de simulación multiaxente aplicada ás relacións internacionais. Ou noutros que estudiaran ciencia política e informática e acabaron traballando en teoría de xogos aplicada. Esa flexibilidade ofrecía unha adaptabilidade moi rápida ás condicións do mercado sen ter que sobrecargar o alumno con dous graos completos é encomiable.
Pero xa digo que penso que a universidade, máis alá de eu ter experiencias persoais negativas, non está tan mal se o miramos no agregado.
Moitas veces escoitei críticas sobre a excesiva importancia dos modelos e sobre como deixan un espazo e un tempo menores para os fundamentos da teoría, pero ao mesmo tempo estou asustado frecuentemente pola dimensión da innumeración que prevalece en certos graos e profesións. ¿Falta profundidade cando intentamos abrazalo todo á vez? Como ves a evolución do nivel educativo nas novas xeracións?
Penso que todos tendemos a caer nese tipo de prexuízos cos que veñen detrás. Eu lembro os mestres de primaria dicíndome que a nosa xeración o tiña moi doado, que non estudiabamos coma nenos de dez anos atrás, e que non tiñamos disciplina ningunha.
A miña perspectiva é que a xente sae cada vez máis preparada. Eu véxoo moito cando reviso currículos cando contrato xente para o meu equipo. O nivel que atopo agora non ten nada que ver co de cinco anos antes. Xa non digo en ciencia de datos porque agora existe unha formación específica que antes non había. Agora atopas perfís moi específicos cando non hai nin 5 anos tiñas que estruturar os procesos de recrutamento para capturar xente con interese e habilidades pero con traxectorias pouco comúns.
Como digo, penso que a mellora é máis xeneralizada. Moitas veces, contrato a xente de investigación social máis tradicional e neles vexo que as novas xeracións veñen cunha preparación exquisita. Eu aprendo moito de xente que se doutorou hai nada.
Penso que é algo do que nos deberiamos sentir orgullosos. De feito, fala ben da nosa xeración e que fomos quen de transmitir aos novos estudantes non só o que recibimos dos que viñeron antes ca nos se non tamén o que nós mesmos aprendemos. E, de feito, fomos quen de facelo ao tempo que democratizamos o acceso á educación superior.
Por suposto, un pode atopar casos concretos de alguén que pasou pola universidade pero non parece ter adquirido as competencias básicas da disciplina. Pero penso que non é tan común. A miña impresión é que a educación superior segue a producir o mesmo nivel de excelencia que antes pero o fai deixando atrás a menos xente que hai 25 anos non podería ter estudiado unha carreira. É un logro que fósemos quen de educar a máis xente, a xente que ven de traxectorias vitais e contextos familiares e sociais moi distintos ao tempo que aumentabamos a produtividade e calidade científica da investigación.
Sempre tiveches en mente deixar Galicia / España para construír a túa carreira profesional? A faceta da investigación é a clave desa decisión? Que outros factores impulsaron a súa saída, primeiro a Madrid e despois aos Estados Unidos? Non experimentaches iso como unha saída?
Pode parecer raro pero nunca tiven especial interese por emigrar. Rematada a carreira, eu quería marchar un par de anos pero por entón o vía coma unha experiencia vital limitada no tempo. Veño dunha familia que, como é habitual en Galicia, está moi pouco espallada no espazo: meus avós migraron a Ourense cidade dende A Limia e a Ribeira Sacra durante os anos 70, e eu medrei nos anos 80 con toda a miña familia directa a menos de 30 minutos da casa de meus pais. Os curmáns que estaban en León ou en Pontevedra eran a nota exótica. Vindo dese contexto, ir a outro país, aínda que fose un ano, era un acto case de radicalismo. Aínda así, o que non imaxinaba era un futuro que non fose en Galicia.
Foron pequenos accidentes os que me foron afastando paseniño desa idea orixinal. Tiven sorte e decisións que me pareceron mesmo trabucadas no momento me abriron oportunidades que nunca imaxinei posibles para alguén coma min. Por exemplo, como dicía antes, marchei a Madrid porque non fun quen de asegurar unha bolsa para o doutoramento que eu quería facer en Compostela. No CEACS atopei un programa academicamente moi superior ao que podía ter atopado en Galicia e se me abriron portas que me serían inaccesibles de ter quedado. Igualmente, marchei a Nova Iorque no 2007 para facer o doutoramento na New York University ou a San Francisco no 2013 para traballar en YouGov a pesar de que non eran opcións que orixinalmente estaban nos meus plans. Foron oportunidades únicas e non me arrepinto en absoluto de telas aproveitado aínda que me levaron por un camiño que non imaxinara cando rematei a carreira.
Nese sentido, si houbo unha parte de min que sentiu cada unha desas fases coma unha marcha. No seu momento, de feito, foron decisións que me custou moito tomar precisamente porque resultaban incómodas xa que me afastaban cada vez máis do que fora a miña intención orixinal. Sen embargo, agora vexo que foron pasos moi acertados, non só porque foron apostas que saíron ben, se non por que me teñen enriquecido persoal e profesionalmente dun xeito que tería sido imposible de non ter arriscado.
Desenvolviches os últimos anos da túa carreira nos Estados Unidos e desde a distancia a túa viaxe é brillante e parece planificada a propósito. Canta sorte e canto esforzo houbo aquí? Os Estados Unidos son o país das oportunidades para a ciencia de datos? Como ves o sector en Europa e no resto do mundo?
Teño moi claro que tiven moita sorte. Non vou negar que traballei moito pero hai moita xente que fixo tanto ou máis ca min e non lle saíron as cousas coma eles querían. De feito, fun afortunado non unicamente porque algunhas apostas persoais e profesionais deron bo froito, penso que fun privilexiado de ter unha familia que só se ten preocupado polo meu benestar e me ten deixado cometer os meus erros sen xulgarme.
Digo isto, porque, se miras agora a miña traxectoria, parece que existe unha liña clara, moi deseñada, na que hai uns obxectivos que se van materializando co tempo. E non é así para nada. O que tiven son moitas oportunidades e iso me ten permitido recalibrar periodicamente sen necesidade de atarme a plan ningún.
Nese sentido estou moi agradecido a Estados Unidos como país de acollida. Non é un sitio doado e custa moito estar lonxe da familia pero é innegable que polos motivos que sexan aquí tiven moitas máis posibilidades para desenvolver a miña carreira das que, sen dubida, tería atopado en Galicia e na maior parte de Europa. Un factor pode ser cultural pero, no fondo, o que marca a diferencia aquí é que existe un mercado que é tan extenso coma profundo. Pensa, por exemplo, que eu agora mesmo traballo nunha posición que dubido moito que teña equivalente en Europa. É tal o tamaño do mercado que é posible atopar unha posición na que un pode facer algo tan especializado como o meu sen estar na universidade. Véndoo así as oportunidades que existen aquí están conducidos por unha combinación de recursos e economías de aglomeración que son difíciles de replicar noutros sitios.
Sen embargo, Europa penso que está desenvolvendo unha personalidade moi definida e única cando menos en ciencia de datos. Eu vexo cada vez oportunidades cada vez máis interesantes en Berlín, en Amsterdam, en Londres ou mesmo en Barcelona. Iso e a adopción máis clara de culturas de traballo en remoto coido que nos van levar a un novo equilibro no que Europa sexa máis atraínte para o talento técnico. Hai anos se cadra Estados Unidos era a única opción para alguén que quixese traballar coas tecnoloxías e os métodos máis punteiros. Agora penso que xa non é tanto así e xa pronto o será moito menos.
Falando de ciencia de datos, que significa realmente este novo concepto? Que moda está? Canto dunha fundación? Que innovaron e quedaron para manterse?
Tal e como eu o vexo o que estamos a vivir é nunha renovación da estatística aplicada que agora mesmo decidimos chamar colectivamente co nome de "ciencia de datos." Con isto non quero dicir que "ciencia de datos" sexa un exercicio de branding. Na miña opinión "ciencia de datos" e un termo que designa un cambio no xeito no que integramos a estatística como eido de coñecemento aplicado.
O que fai que o concepto de ciencia de datos sexa especialmente complicado de acoutar é que agora mesmo hai diferentes perfís laborais moi diferentes que reciben o mesmo nome. Outro modo de velo é que hai unha grande diversidade de áreas nos que os datos poden facer unha diferencia. Por exemplo, un pode pensar en científicos de datos traballando en comportamento do usuario ou axudando aos deseñadores a refinar un determinado produto. Un pode tamén pensar nun equipo de datos dentro da área de enxeñería substituíndo heurísticos por modelos. Ou un pode atopar científicos de datos traballando en marketing, axudando ao equipo executivo en estratexia. Isto fala de que, nun contexto dixital, hai moitas oportunidades para as habilidades que se adquiren nun grao de estatística.
O que é fundamentalmente diferente agora é que, para que eses coñecementos en estatística sexan útiles, un ten que complementalos con ferramentas e conceptos que un, habitualmente, non adquiría na carreira. Para min esta idea vese mellor se un pensa na "ciencia de datos" coma "enxeñería de datos," un concepto que, por desgraza, ten agora unha acepción específica.
Vese mellor cun exemplo. Eu antes traballaba nunha empresa, Westat, que ofrecía servizos de investigación social a axencias públicas. Pensa, por exemplo, nunha subcontrata do IGE que fai o deseño técnico e execución da enquisa. Unha das cousas que o meu equipo facía era optimizar o número de contactos que facían os entrevistadores. Imaxina unha enquisa de fogares na que fas as entrevistas en persoa cunha mostraxe por conglomerados. Executar a entrevista é unha operación cara e complicada. Tes que mandar a alguén a outra cidade, localizar o fogar e seguir un protocolo de contacto que pode requirir cartas, chamadas de teléfono e visitas en persoa.
Coma estatístico, un decátase de que pode empregar históricos para estimar o momento óptimo no que seguir facendo intentos para entrevistar a ten un beneficio marxinal decrecente. O modelo estatístico non é complicado. Sen embargo, o que a organización precisa non é a estimación. De nada nos valería ter nunha folla de cálculo almacenada no computador do analista. O que realmente sería útil sería unha peza de software que procese a información do campo en tempo real, que actualice unha táboa nunha base de datos coas últimas predicións, e que comunique ao entrevistador a nosa recomendación antes de que se produza un novo intento de contacto. Non me cabe dúbida de que un estatístico tradicional podería desenvolver o modelo pero o valor do modelo agora ven de integralo a un sistema en produción. Esa era antes unha tarefa que un delegaría nun enxeñeiro de software. Agora un agardaría que un científico de datos sexa quen de deseñar e construír o produto.
Por dicilo doutro xeito, o que para min cambiou non é a compoñente analítica do traballo do estatístico. O modelo estatístico que xera probabilidades para cada entrevistado é o mesmo ca antes. O que cambiou foi o tipo de coñecementos que fan esa compoñente analítica máis útil para os obxectivos da organización. É por iso que eu penso que "enxeñería de datos" captura mellor a realidade no sentido de que non creo que a ciencia de datos sexa unha disciplina científica nova. No fondo, non é máis ca estatística ou aprendizaxe de máquinas pero con outras prácticas e coñecementos engadidos que son imprescindibles. É unha enxeñaría estruturada ao redor do dato. Nese sentido, é obvio que é algo que está aquí para quedar.