XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións | Primeira circular

Temos o pracer de anunciar que os días 4, 5 e 6 de novembro do ano 2021 celebrarase en Santiago de Compostela o XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.

O congreso, organizado polo Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela, por encargo e coa colaboración da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), ten por obxecto contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da Estatística e da Investigación de Operacións, así como facilitar a súa relación con todos os eidos do coñecemento científico e tecnolóxico. Con tales fins, entre os distintos actos incluiranse conferencias, mesas redondas, obradoiros e sesións de comunicacións orais e tipo póster.

Tendo en conta a situación sanitaria motivada pola pandemia da COVID-19, as actividades do congreso cumprirán todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos congresistas. Por este motivo, contémplase a posibilidade de que algunhas sesións se realicen de maneira telemática, mentres que as sesións que podan realizarse de maneira presencial respectarán as restricións de aforo e outras medidas preventivas. As actividades culturais, que esperamos poder celebrar, tamén estarán suxeitas a estas restricións.

Nos próximos días habilitaremos unha páxina web onde estará dispoñible a información do congreso.

Agardamos a vosa participación.

O comité organizador,
XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

2023  SGAPEIO   globbers joomla templates