ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
Novas SGAPEIO 15 outubro 2014
1.- Acta da SGAPEIO
Está dispoñible na web da SGAPEIO, no apartado de “A SOCIEDADE – Actas e informes” que ten acceso restrinxido a socios e socias, a seguinte acta:
- Acta da Sesión Extraordinaria do Consello Executivo da SGAPEIO celebrada o 10 de setembro de 2014.
2.- Curso de introdución a R: Software libre para PEMES
Están confirmadas as novas datas do curso Introdución a R: software estatístico libre para PEMES: 10, 17, 24 de novembro e 1 de decembro de 2014.
Esta curso, organizado pola SGAPEIO en colaboración coa Facultade de Matemáticas, está dirixido a pequenas e medianas empresas que queren iniciarse no tratamento de datos estatísticos con R (empresas que fan actividades demoscópicas, estudos de mercado, análise de datos en departamentos de I+D,...).
O curso conta cunha parte presencial (12 horas) e unha parte non presencial (9 horas) na que o alumno deberá resolver prácticas con bases de datos e envialas por correo electrónico.
Parte presencial:
- Lugar: Facultade de Matemáticas (Santiago de Compostela).
- Datas: 10, 17, 24 de novembro e 1 de decembro de 2014.
- Horario: 17:00 - 20:00 h.
Prezo:
- Socios/as de SGAPEIO: 50 €.
- NON socios/as: 80 €.
O programa detallado e o formulario de inscrición están na páxina web da SGAPEIO (www.sgapeio.es). O prazo de inscrición remata o 31 de outubro de 2014.
3.- Xornada de formación para elaborar proxectos de estatística
Lembramos que a SGAPEIO e a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), en colaboración con educaBarrié, organizan unha Xornada de formación para elaborar proxectos de estatística. Aplicación á Incubadora. Esta xornada, que da continuidade á xornada sobre o ensino da Estatística celebrada en novembro de 2013, está dirixida a profesores de ESO e Bacharelato e vaise impartir en dúas edicións, unha na Coruña e outra en Vigo.
Esta actividade, que conta coa homologación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inclúe exposición de experiencias, obradoiros, unha conferencia e unha ponencia práctica sobre a elaboración de traballos para presentar á Incubadora.
- Lugar: A Coruña e Vigo nas sedes da Fundación Barrié.
- Datas:
- A Coruña: 15 de novembro de 2014.
- Vigo: 29 de novembro de 2014.
- Horario: 9:30 - 14:00 e 15:30 - 19:30.
O programa detallado e o formulario de inscrición están na páxina web da SGAPEIO (www.sgapeio.es) . O prazo de inscrición remata o 31 de outubro de 2014.
4.- Solución ao “Dilema do tesoureiro” publicado no Informest Nº 36
A sección de Estatística Recreativa do boletín Informest Nº 36, publicado en outubro de 2013 (páx. 19), incluía un desafío estatístico titulado “O dilema do tesoureiro”, coa indicación de que se publicaría a solución ao problema no seguinte número do boletín. Debido ao cambio de estrutura do Informest, que xa non ten unha sección de Estatística recreativa, non apareceu no número 37 a solución, polo que a reproducimos aquí:
Solución ao dilema do tesoureiro:
Trátase dunha versión libre do coñecido “dilema do prisioneiro”, que adoita ilustrarse coa historia de dous ladróns que son detidos sen probas, pero a cada un deles por separado ofréceselles a pena mínima a cambio da súa confesión. De acordo coa análise clásica ambos confesarán, delatando ao seu compañeiro. Aínda que sería claramente mellor para os dous non confesar, non é unha opción racional.
Para analizar os resultados estableceremos números de orde (canto máis baixo mellor) para cada un. Indícanse na táboa seguinte entre parénteses os dous resultados (primeiro para o partido, segundo para o corrupto) para as catro combinacións posibles de estratexias:
R,O: (1,4) R,C: (3,3)
D,O: (2,2) D,C: (4,1)
Dando por válida a ordenación dos resultados posibles, podemos observar como para o partido QQ a estratexia de “repudiar” (R) é sempre mellor que “defender” (D), calquera que sexa a opción do corrupto (resultado 1 fronte a 2; 3 fronte a 4). Dise que a segunda –defender- é unha estratexia dominada pola primeira –repudiar- e polo tanto aquela non será utilizada en ningún caso.
Para o outro protagonista da nosa historia ocorre o mesmo, a súa estratexia “cantar” (C) domina a “ocultar” (O), xa que o seu resultado será sempre mellor (tamén 1 fronte a 2; 3 fronte a 4), e polo tanto, atendendo a criterios estritos de racionalidade, a súa decisión non pode ser outra que cantar.
A decisión, polo tanto, soamente pode ser o repudio do corrupto e a saída á luz da información comprometedora, cuxo resultado (3,3) é peor para ambos que o da combinación defender-ocultar (2,2); pero esta última non é racional: de aí el dilema. Non obstante, a realidade supera sempre á ficción, e quizais o ser humano non é tan racional como pensamos.
5.- Curso “Optimality Conditions and Algorithms in Nonlinear Optimization”
Julio González Díaz (departamento de Estatística e Investigación de Operacións - USC) e Alfredo Bermúdez de Castro (departamento de Matemática Aplicada - USC) organizan o seguinte curso:
- Título: Optimality Conditions and Algorithms in Nonlinear Optimization.
- Docente: Gabriel Haeser. University of São Paulo.
- Datas: do 28 ao 30 de outubro de 2014.
- Horario: 11:30-14:00h.
O curso é gratuíto, pero é necesario inscribirse, antes do 24 de outubro de 2014, enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Máis información: http://eio.usc.es/index.php/es/noticias/7-noticias-del-departamento/175-course-optimality-conditions-and-algorithms-in-nonlinear-optimization
6.- Curso sobre Innovación na formación continua e ferramentas 2.0
A Escuela Andaluza de Salud Pública organiza un curso sobre innovación na formación continua e ferramentas 2.0.
Destinatarios:
- Profesionais interesados na integración da web social e ferramentas 2.0 nos seus ámbitos de traballo.
- Responsables e membros das unidades de formación continuada e de unidades docentes, titores de residentes e profesionais sanitarios que exerzan labores docentes.
- Profesionais do ámbito da formación continua, especialmente asesores de centros de profesorado, responsables de áreas de formación e recursos humanos de empresas, etc.
Datas: 3 de novembro a 14 de decembro de 2014
Máis información: http://www.easp.es/easpmooc13/blog/2014/09/22/innovacion-en-la-formacion-continua-y-herramientas-2-0/
7.- XXVII Congreso ENCIGA
O XXVII Congreso de ENCIGA terá lugar en Moaña os días 20, 21 e 22 de novembro de 2014.
Lugar: IES As Barxas de Moaña.
Datas importantes:
- Data límite para a inscrición: 14 de novembro de 2014.
- Data límite para o envío de resumos: 18 de outubro de 2014.
- Data límite para o envío de ponencias completas: 25 de outubro de 2014
Máis información: http://www.enciga.org/?q=node/327
8.- Oferta de emprego ITMATI
Oferta de emprego:
- Proxecto: unidade mixta de investigación (UMI) Repsol-ITMATI.
- Referencia da oferta: ITMATI-OT-05/2014.
- Convocatoria: contratación no marco da resolución do 6 de outubro de 2014 pola que se adxudican as axudas a organismos de investigación de Galicia para a creación, posta en marcha e impulso de unidades mixtas de investigación.
Esta convocatoria conta coa financiación da Axencia Galega de Investigación e do Ministerio de Economía y Competitividad no marco da Estratexia Española de Innovación en Galicia.
- Descrición dos postos: ata un máximo de 8 contratos como investigador/a da unidade mixta de investigación (UMI) Repsol-ITMATI.
As persoas interesadas deberán enviar antes do 29 de outubro de 2014 ás 14:00 horas as solicitudes, que incluirán unha carta de presentación que resuma a traxectoria do solicitante coas experiencias adicionais a valorar na convocatoria, curriculum vitae (con teléfono móbil e correo electrónico) e o expediente académico de Grao/Licenciatura/Enxeñería, Máster e/ou Doutorado. Toda a documentación debe remitirse á seguinte dirección de correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Más información: http://eio.usc.es/pub/mte/descargas/OfertaTrabajoITMATI-OT-05-2014_ESP_141014.pdf