ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
Asemblea Xeral da SGAPEIO 2014
O dia 29 de xaneiro de 2015 terá lugar, no salón de graos da Facultade de Matemáticas, a Asemblea Xeral da SGAPEIO do ano 2014. No apartado "A SOCIEDADE-Actas e informes", atópase a Acta da Asemblea Xeral do 25/10/2013 que se someterá a aprobación, e a convocatoria da Asemblea, que inclúe os balances económicos de 2013 e 2014, e o orzamento para o ano 2015.
Antes de celebrarse a Asemblea impartiranse dúas conferencias ás que pode asistir calquera persoa interesada. So a Asemblea é restrinxida a socios e socias da SGAPEIO. O programa da xornada é o seguinte:
Programa:
- 17:00-17:40: Conferencia "Solucións estatísticas para retos actuais en enxeñería e ciencia de materiais".
Prof. Javier Tarrío Saavedra
Universidade da Coruña
- 17:40-17:50: Pausa.
- 17:50-18:30: Conferencia "Votando secuencialmente".
Prof. Julio González Díaz
Universidade de Santiago de Compostela
- 18:30-20:00: Asemblea Xeral da SGAPEIO.
Resumo da conferencia "Solucións estatísticas para retos actuais en enxeñería e ciencia de materiais":
Obter materiais compostos con mellores propiedades térmicas e/ou mecánicas, estimar modelos que clasifiquen as materias primas en diferentes clases relacionadas coa súa calidade, avaliar a influencia de factores como a presión ou a temperatura nas características dun material, caracterizar as sustancias a partir duns poucos parámetros con significación física, modelizar a degradación de biomateriais usados en enxeñería tisular para comparalos e así desenvolver un criterio de selección, estimar a cantidade de contaminantes nun combustible, controlar e analizar o desempeño de instalacións industriais de climatización a partir das adecuadas características críticas de calidade...la Estatística ofrece solucións alternativas a todos estes retos. Concretamente, nesta ponencia presentaranse distintos problemas do ámbito da enxeñería e ciencia de materiais, así como a metodoloxía estatística utilizada para a súa resolución: análise da varianza, regresión non lineal, estatística multivariante e análise de datos funcionais
Resumo da conferencia "Votando secuencialmente":
Hai moitos exemplos de eleccións en distintos países nos que a falta de coordinación dos votantes dun lado do espectro político resulta na vitoria dun candidato do outro lado, aínda que os primeiros puideran estar en maioría. Habitualmente isto adoita manifestarse nunha disgregación do voto de esquerdas en distintos candidatos mentres que a dereita ten un único candidato que concentra o voto.
Comentaremos casos reais onde esta dispersión do voto tivo un impacto importante, e despois presentaremos un sistema de votación alternativo e estudaremos hasta qué punto podería servir para evitar os devanditos problemas de coordinación