ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
Outros premios
PI Day: concursos e eventos
Descrición: A RSME, xunto coa Fundación Descubre, a Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas, a Sociedade Andaluza de Matemáticas Thales e a Universidad de Granada, organizan o Día π, que se celebrará o próximo 14 de marzo. Este ano organizáronse concursos para alumnado, docentes e divulgadores. O prazo para enviar os traballos finaliza o día 24 de febreiro ás 22:00 (hora española).
Entre todas as actividades preparadas destacan os concursos creativos para estudantes de primaria, ESO, bacharelato ou ciclos superiores, nos que se pode participar desde calquera lugar de España. Os premios do concurso, do que o número π será protagonista, consisten en tabletas dixitais. Hai catro modalidades de concurso, cun gañador ou gañadora por cada unha: cómics, relatos, vídeos e música. A participación poderá ser individual ou por equipos, e o traballo presentarase en formato dixital a través do formulario da páxina web. A inscrición estará aberta ata o 24 de febreiro ás 17:00 (hora de Granada).
Para docentes, convócase o concurso de materiais e recursos didácticos cuxo contido sexa alusivo ao número π. Os materiais e recursos poderán ser de calquera tipo (vídeos, pósteres, presentacións, unidades didácticas, software…); a única condición é que o seu carácter debe ser didáctico e o seu contido debe tratar sobre o número π. Neste apartado poderá participar o profesorado de calquera nivel educativo de calquera centro do ámbito do territorio do estado español. A participación poderá ser a título individual ou en equipo, e unha persoa poderá participar en ata un máximo de dous traballos.
Para divulgadores, preparouse un concurso ao proxecto, material ou recurso máis innovador de divulgación de matemáticas. O material poderá ser de calquera tipo (ciclos de vídeos, exposicións de pósteres, ciclos de charlas e presentacións, software…); a única condición é que o seu carácter sexa divulgativo e o protagonismo das matemáticas. Poderá participar calquera divulgador, a título individual ou en grupo (cun máximo de dúas participacións por persoa), e os materiais entregaranse en formato dixital a través do formulario da páxina web.
Ademais, están a prepararse diversas actividades para o evento que terá lugar en Granada. Por outra banda, convídase a quen queira organizar unha actividade para celebrar o Día de π a que a inscriba no formulario da páxina web para que apareza na axenda oficial do Pi Day España, de modo que máis persoas poidan coñecer a actividade.
Máis información: https://www.rsme.es/2019/02/concursos-del-piday/
- Concursos para estudantes: https://www.piday.es/bases-estudiantes/
- Concursos para docentes: https://www.piday.es/bases-docentes/
- Concursos para divulgadores: https://www.piday.es/bases-divulgadores/